A estrela HD 149143 é unha anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz, na constelación de Ofiúco. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. Para celebrar o centenario da Unión Astronómica Internacional, a entidade puxo en marcha a iniciativa mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.
Hai uns días a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío iniciou unha campaña para que Rosalía sexa o nome elixido para nomear a estrela correspondente España, e e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. Foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta da entidade inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
A votación pode realizarse a través desta ligazón. Os votos recolleranse ata o día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país. Curiosamente, Rosalía non é a única proposta galega para nomear a estrela HD 149143. Na votación tamén figura Breogán como opción (e Ith para dar nome ao exoplaneta), proposto polo Observatorio da Universidade Autónoma de Madrid.
A Agrupación Astronómica Ío difundiu a súa proposta a través das redes sociais, convidando a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, dende esta fin de semana estamos lendo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos. "No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na seúa web.
Cando penso que te fuches,negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario