xoves, 9 de xaneiro de 2020

Na Candeloria casan os paxariños


candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra, di tamén a cultura popular), no momento en que  xa é evidente que medran os días e a natureza comeza a prepararse para  o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. 
A voda dos paxariños
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa,  di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación! (Tirado do Portal das Palabras)  
CHÍOS CON AMOR    
O Equipo de Dinamización da Lingua xunto do Departamento de Lingua Galega  e o Equipo de Convivencia convocan una concurso de mensaxes de amor curtas (menos de 280  caracteres)  que pode ter un destinatario-a folgado (namorado, namorada, pai, nai, amigos, lingua, ...)
Saca a túa personalidade  sentimental e participa!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario