luns, 28 de outubro de 2019

Estrela Rosalía


A estrela HD 149143 é unha anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz, na constelación de Ofiúco. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. Para celebrar o centenario da Unión Astronómica Internacional, a entidade puxo en marcha a iniciativa mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. 

Hai uns días a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío iniciou unha campaña para que Rosalía sexa o nome elixido para nomear a estrela correspondente España, e e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. Foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta da entidade inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
A votación pode realizarse a través desta ligazón. Os votos recolleranse ata o día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país. Curiosamente, Rosalía non é a única proposta galega para nomear a estrela HD 149143. Na votación tamén figura Breogán como opción (e Ith  para dar nome ao exoplaneta), proposto polo Observatorio da Universidade Autónoma de Madrid. 
A Agrupación Astronómica Ío difundiu a súa proposta a través das redes sociais, convidando a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, dende esta fin de semana estamos lendo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos. "No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na seúa web.
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.


Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.


Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.


En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

domingo, 13 de outubro de 2019

Samaín. Concurso de microcontos


Hai aproximadamente 2.600 anos chegaron a Galicia os pobos Celtas. Ademais dos seus adiantos científicos e técnicos, como foi a metalurxia do ferro, tamén trouxeron a súa cultura e as súas crenzas.
Os celtas eran politeístas, adoraban a moitos deuses. Un deles era Samaín
As súas festas coincidían con determinadas datas relacionadas coas estacións e cos seus cambios:
• 1 febreiro na  honra da deidade Imbole.
 • 1 maio na honra da deidade Beltain.
 • 1 agosto en honra a deidade Lungh.
• 1 novembro na honra da de idade Samaín(solpor do 31 de outubro e 1 e novembro)

A festa do Samaín, festa laica que representa a fin do verán, das colleitas e o inicio do tempo de inverno, era a festa máis importante dos celtas e marcaba os inicios do ano novo.

Nós para  festexar  e reuivindicar esta fest propia,  antecedente  do Halloween imos facer un concurso de microcontos.
PARTICIPA
DOCUMENTOS




sábado, 12 de outubro de 2019

Samaín . Concurso de conxuros

 Se queres gañar, vas ter que rimar

O Equipo de Dinamización da Lingua, en colaboración co  Departamento da Lingua Galega,  convoca  o II  CONCURSO DE CONXUROS  para festexar o Samaín.  Tes ata o 30 de outubro.

O conxuro é unha invocación, máis ou menos rimada, a poderes de toda índole (físicos, espirituais, morais, políticos, sobrenaturais, ...) para  todo o que desexemos.

 A finalidade deste concurso é  crear conxuros   para afastar  todo aquilo que queiramos  que desapareza das nosas vidas (violencia, maltrato, inxustizas, guerras, prexuízos, a contaminación...). 

Exemplos

Ollos de sapo,
pata de ra,
que caiga a escola
pasadomañá.



Conxuros contra a néboa

Érguete néboa,
puta da serra,
filla dun can
e dunha cadela.
Aí vén san Xoán
co seu burro ruán
ai! que te mata
ai! que te papa
ai! que te leva
  ao fondo do mar
a secar.

Outro  diferente  

Levántate, néboa,
do  mar e da  terra
que aí vén San Martiño
co  seu ramalliño,
chorando e berrando
que te ha  matar,
cortarche a  cabeza
  e tirala ao mar.


 ANÍMATE E FOI OS TEUS CONXUROS!!!

BASES