mércores, 12 de decembro de 2018

Cuestionarios de usos lingüísticos


Na derradeira semana do ano imos facer a análise dos usos lingüisticos no centro. A información  solicitada é necesaria para facer unha planificación lingüística adecuada.
 É un cuestionario anónimo. Preme no curso que corresponda.Grazas pola túa colaboración.


domingo, 2 de decembro de 2018

25 de Novembro. Autocolantes

A semana do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, repartíronse polo centro estas  pegatinas elaboradas polo alumnado do Voluntariado Lingüístico. Foi un éxito. Gustaron moito.

sábado, 1 de decembro de 2018

I Concurso de recomendación literarias "Libros que ler"

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega acaba de convocar o concurso de recomendacións literarias audivisuais.

Podes consultar aquí as BASES

Tamén se inclúe uns exemplos de recoemdación audiovisuais en lingua galega:



Outra diferente:

xoves, 29 de novembro de 2018

25 de novembro. Vídeo Matriarcas


Un grupo de alumnas de primeiro da ESO ( Iria Añón, María  Faríña, Paula Méndez, Irene Pedreira, Sabela Santiso, Irene Prieto e Zaira Sánchez)  fixeron este vídeo para celebrar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
O seu traballo é unha recreación do vídeo Matriarcas de Guadi Galego. Moi bo traballo. 
  Noraboa rapazas!!!


domingo, 25 de novembro de 2018

Concurso. Felicitacións de Nadal


O EDL do centro convoca a Concurso de Felicitacións de Nadal. Este concurso ten como obxectivo axudar a normalización da nosa lingua tamén nestas datas.

BASES

luns, 29 de outubro de 2018

XIV Premio de Narración Curta do Concello de Curtis


As vacas, o tren e os zombis é o que non pode faltar nos relatos que se presenten ao certame do Concello de Curtis. 
Establécense dúas categorías. Os textos deben estar escritos en galego e terán  unha extensión de entre 3000 e 5000 caracteres.Hai de prazo ata o 20 de abril.
 

Certame literario: Xogos Florais María Pita 2018

 

O lema elixido para esta edición é "Con ciencia fronte a todo"

domingo, 21 de outubro de 2018

Concerto de De Vacas


O 30 de Outubro oo alumnado de 3º da ESO do IES David Buján vai asistir ao Fórum da Coruña a un concerto-coloquio con De Vacas, un dos grupos que máis está soando actualmente dentro do panorama musical galego. A actividade é de balde.
A actividade forma parte do programa de Dinamización Lingüística "Falamos" desenvolvido polo Concello de A Coruña, que pretende  darlle á mocidade unha visión  útil e moderna da lingua galega, así como  eliminar prexuízos lingüísticos.
 En próximas datas o resto do alumnado terá tamén a ocasión de ir a outro concerto de música galega.

DE VACAS 
O grupo  foi o gañador, na IV edición dos Premios Martín Códax, da categoría de Coros e Grupos Vocais.
O grupo está composto por Laura Romero (cantante do grupo de música infantil galega "A Gramola Gominola"), Faia Díaz e Inés Salvado, acompañadas á guitarra por Guillerme Fernández, membro fundador do grupo Berrogüetto e colabora noutros proxectos paralelos con Xabier Díaz, Espido, Guadi Galego. 
O  grupo fai versións de  temas moi coñecidos ("Gagnam Style", do rapeiro PSY, "Despacito" de Luis Fonsi,  " De noche y de día" de Enrique Iglesias, "Soy yo" de Marta  Sánchez, " El taxi" de Pitbulll, ...)  o que contribúe a difundir a lingua galega aproveitando a oportunidade que ofrece a música coñecida. De feito, as súas versións, como a do "Despacito"  titulada "Amodiño", leva xa máis de 500.000 visualizacións no Youtube.
O Departemento de Lingua Galega e mais o de Convivencia elaboraron  unha ficha.  Búscase a reflexión sobre os estereotipos de xénero  na música.

VÍDEOS

- Son eu 
- De noite e  de día
- Amodiño
- Ghangam Style 
-Taxi 
- Xira de nadal 

sábado, 20 de outubro de 2018

25N: II Concurso de Nubes de Palabras




As nubes de palabras son un recurso visual moi potente para destacar conceptos relacionados con calquera tema.

O EDL do IES David Buján, en colaboración co Equipo de Convivencia e o  Departamento de Lingua Galega convocan  o II Concurso de Nubes de Palabras relacionadas con tema da violencia de xénero.

Poderán particpar todos @s alumn@s do centro e  con todos  os  traballos que  queiran.  As obras entregaranse  no departamento de Lingua Galega,  en Convivencia ou na conserxaría do centro  antes do 30 de novembro. Deberá figurar nun lugar  visible o nome do autor, curso e grupo.


Se non sabes facer unha nube de palabras podes visionar este titorial feito polo EDL

25N. Concurso de Microrrelatos

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración  co Equipo de Convivencia, a Biblioteca e o Departamento da Lingua Galega, convoca o VIII Concurso de  Microrrelatos  co obxectivo de sensibilizar contra a violencia de xénero  mediante a elaboración e a lectura de narracións, buscando fortalecer os valores de respecto e igualdade.
 PARTICIPA !!

mércores, 17 de outubro de 2018

Concurso de cartas" Dillo a quen maltrata"


O Concello de Lalín organiza o XV Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata”. Tes ata o día 2 de novembro

Bases

PARTICIPA

Samaín 2018. Concurso de conxuros



 Se queres gañar, vas ter que rimar

O Equipo de Dinamización da Lingua, en colaboración coa Biblioteca e o Departamento da Lingua Galega,  convoca  o I  CONCURSO DE CONXUROS  para festexar o Samaín.  Tes ata o quince de novembro.

O conxuro é unha invocación, máis ou menos rimada, a poderes de toda índole ( físicos, espirituais, morais, políticos, sobrenaturais, ...) para afastar de nós o que queiramos. A finalidade deste concurso é  recadar conxuros   para afastar  todo aquilo que queiramos  que desapareza. 

Exemplos

Ollos de sapo,
pata de ra,
que caiga a escola
pasadomañá.



Conxuros contra a néboa

Érguete néboa,
puta da serra,
filla dun can
e dunha cadela.
Aí vén san Xoán
co seu burro ruán
ai! que te mata
ai! que te papa
ai! que te leva
  ao fondo do mar
a secar.

Outro  diferente  

Levántate, néboa,
do  mar e da  terra
que aí vén San Martiño
co  seu ramalliño,
chorando e berrando
que te ha  matar,
cortarche a  cabeza
  e tirala ao mar.


 ANÍMATE E FOI OS TEUS CONXUROS!!!

Concurso. Contos de Medo


Xa é unha tradición.

 Coa chegada do Samaín,  chega o noso concurso  de contos de medo. Tes ata o día 15 de novembro para presenta a túa  historia que arrepíe, abraie, amedrente, asuste, atemorice, espante, espavente ou aterre...

PARTICIPA!!


Historia da festa
O Samaín é unha festa de fin do ano celta. Nesa noite abríanse as portas  que separaban o mundo dos vivos do mundo dos mortos.
En Galicia sobreviviu este nome, que ten máis de tres mil anos, e o costume de baleirar cabazas ou nabos. A noite do 31 de novembro nelas poñíanse velas e colocábanse nos camiños para alumear aos visitates do alén.
O cristianismo non logrou acabar con estas festas pagás e cristianizounas  como o Día de Todos os Santos e o Días dos Defuntos ( 31 de outubro e 1 de novembro)

Teatro: Eroski Paraíso


O día 18 e 19 de outubro @s alumn@s de  4º, 1º e 2º de bacharelato van asistir á representación teatral que Chévere fai no Ágora para escolares. A actividade é de balde e está  organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.  Cómpre  dar a noraboa á inicitiva que procura promover a nosa lingua e promocionar o teatro galego. 

Eroski Paraíso é a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro no ano 2014. A obra comeza cando Alexandra, estudante de cine, volve á súa vila natal para gravar un documental sobre a súa familia. O seus pais coñecéronse  na sala de festas O Paraíso de Muros, que co tempo acabou converténdose nun supermercado onde agora traballa a súa nai, Eva.  O seu pai, Antonio, aínda vive nas Canarias, onde tiveron que emigran cando Alexandra era moi pequena. 
Eroski Paraíso é o título que lle puxo Alexandra á súa película, que é  un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

Día da Ciencia en Galicia 2018. Domingo Fontán Rodríguez


Todos os 8 de outubro, data que comemora o nacemento de Benito Xerónimo Feixoo,  Galicia celébra o Día da Ciencia en Galicia.

Este ano está dedicado a Domingo Fontán Rodríguez, que pasou á historia por ser o autor  do primeiro mapa realizado na penísula ibérica con rigor científico: A Carta Xeométrica de Galicia, mapa que non queda descalificado pola tecnoloxía satelital actual.
Os traballos de Fontán, que lle levaron máis de 20 anos, comezounos moi preto do noso centro: no pazo de Sobrecarreira, aquí en Sigrás.

No centro difundimos  a súa figura e obra e tivemos ocasión de  comprobar a rica información histórica) que a carta contén ( 6000 topónimos e 3700 localidades)
 

venres, 21 de setembro de 2018

Día Europeo das Linguas

Celebra connosco o Día Europeo das Linguas!


Os 47 estados membros do Consello de Europa animan a máis de 800 millóns de europeos e europeas a aprenderen máis linguas a calquera idade, dentro e fóra da escola. Convencido de que a diversidade lingüística é unha ferramenta para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento clave na rica herdanza cultural do noso continente, o Consello de Europa promove o plurilingüismo en toda Europa. 
Por iniciativa do Consello de Europa en Estrasburgo, o Día Europeo das Linguas vénse celebrando, desde 2001, o 26 de setembro de cada ano.

 
Participa:
  •  Concurso . Adiviña as linguas  da exposición