Amosando publicacións coa etiqueta Unha estrela para Rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Unha estrela para Rosalía. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de outubro de 2019

Estrela Rosalía


A estrela HD 149143 é unha anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz, na constelación de Ofiúco. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. Para celebrar o centenario da Unión Astronómica Internacional, a entidade puxo en marcha a iniciativa mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. 

Hai uns días a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío iniciou unha campaña para que Rosalía sexa o nome elixido para nomear a estrela correspondente España, e e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. Foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta da entidade inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
A votación pode realizarse a través desta ligazón. Os votos recolleranse ata o día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país. Curiosamente, Rosalía non é a única proposta galega para nomear a estrela HD 149143. Na votación tamén figura Breogán como opción (e Ith  para dar nome ao exoplaneta), proposto polo Observatorio da Universidade Autónoma de Madrid. 
A Agrupación Astronómica Ío difundiu a súa proposta a través das redes sociais, convidando a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, dende esta fin de semana estamos lendo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos. "No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na seúa web.
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.


Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.


Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.


En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.