xoves, 28 de xaneiro de 2021

2 febreiro. A Candeloria


 A da Candeloria (a festa das candeas) ten unha orixe pagá que se remonta a tempos anteriores á romanización.  A conmemoración cristiá da Candeloria parece que ten a súa orixe nunha festa romana, a dos "Lupercais", unha procesión de candeas acendidas na noite na que se facían pregarias a Proserpina, a deusa das sementes e da  fertilidade dos eidos. Celebración que os romanos quizais tomaron da "Festa da luz" dos pobos celtas, festexo do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol. 

 Na cultura popular galega a da Candeloria é "a festa da luz", xa que comezan a medrar os días e a facerse más pequenas as noites, xa falta pouco para  primavera( coincide na metade do inverno, no intre xusto entre os solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, ... Tamén é o momento que volven os paxariños que migraron (e retornan ás súas terras os que aquí pasaron o inverno)  e  se emparellan para facer xuntos o niño. 
 
Como xa pasou con outras festas,  a Igrexa acabou cristianizando a festa. Converteuna no día da Purificación da Virxe. Tamén se bendicen unhas  candeas e se fai una procesión con elas por dentro da igrexa. Despois esas candeas gárdanse para as tormentas,os velorios, ...
 
A sabedoría de refraneiro galego lembra todos estes feitos e moitos outros da época. 
 
REFRÁNS
  • "Cando a Candelaria chora, a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, a mitá do inverno está por vir, e se chora ou fai vento, aínda o inverno está dentro"
  • "Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar".
  • "O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra".
  • "Na Candeloria casan os paxariños e marcha a galiñola"
  • "Despois da Candeloria ningunha ave voa soa"
Tamén a literatura galega se fixo eco desta  festa. Luís Amado Carballo, en Proel –1927–, incluíu un poema titulado “A Candeloria”:
Na catedral do abrente
hoxe cásanse os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.
Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de encenso.
O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.
Vai tocando polo campo
a súa zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.
O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dálles a beizón nupcial.
Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrena un luar o campo.
 Por iso é algo moi especial e de moita honra podermos celebrar a festa no amor na Candeloria, no día que casan os paxariños

ACCIÓN
  • No centro tamén queremos celebrar a chegada da primavera. Decoraremos o centro con paxariños de origami. Aprende a facer o teu con este vídeo.
  • CONCURSO: CHÍOS CON AMOR    
    O Equipo de Dinamización da Lingua, xunto do Departamento de Lingua Galega  e o Equipo de Convivencia convocan una concurso de mensaxes de amor curtas (menos de 280  caracteres)  que pode ter un destinatario-a folgado (namorado, namorada, pai, nai, amigos, lingua, ...).
    Saca a túa personalidade  sentimental e participa!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario