martes, 12 de setembro de 2023

Manter o galego

por Manuel Bragado no Nós Diario:

 Nos centros educativos participei en conversas en contextos formais, fose en claustros, reunións, cursos ou entrevistas e xuntanzas con familias, nas que algunha das participantes que decote fala galego deixa de repente de facelo cando outra persoa se expresa en castelán. Un comportamento atribuíble a unha mal entendida "cordialidade lingüística" que no contexto das dúas linguas en contacto obrigaría a renunciar sempre ao uso do galego como expresión de achegamento comunicativo coas persoas participantes.


Unha escolla lingüística que, pola contra, non corresponde coas participantes instaladas en castelán, mesmo nos centros educativos públicos comprometidos a utilizar o galego como a súa lingua de instalación, que nalgúns casos poden chegar a solicitar que na súa presenza non se empregue o galego aducindo que «no lo entiendo».

 

Unha asimetría lingüística insoportable, froito do prexuízo de entender aínda o galego como lingua inferior ou reducida ao eido familiar, que debilita o uso normalizado do galego na comunicación habitual da comunidade educativa, como sucede noutros eidos da vida social, como o sanitario, xudicial, administrativo ou comercial, nos que as persoas galegofalantes (e neofalantes) deben enfrontar dificultades semellantes.

 

En Catalunya, onde a pesar das políticas educativas de inmersión das últimas catro décadas, o uso social do catalán era en 2018 do 32% constituíuse a plataforma cidadá 'Mantinc el catalá' coa intención de concienciar e animar ao maior número de persoas da necesidade de manter o emprego do catalán en todos os eidos e circunstancias, "entendendo o catalán como lingua de integración e benvida" e "animando a todas a compartir este hábito lingüístico, en especial na contorna de cadaquén".

 

Actitude corresponsable, empática e integradora que neste comezo de curso sería moi útil tamén en Galicia para promover nos centros educativos hábitos lingüísticos alternativos aos prexuízos que mantivesen (e mesmo incrementasen) o uso do galego.

 


sábado, 9 de setembro de 2023

Usos lingüísticos (Curso 2022-2023)


 Nas seguintes ligazóns podes consultar  o uso da lingua galega no IES David Buján. Estes cuestionarios lingüísticos  foron realizados durante os meses de marzo e abril de 2023.