
Explícoche matemáticas 2.0 é un concurso que convoca a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, que xa vai pola súa novena edición, cuxo obxectivo é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais.
Pode participar o alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora.
O obxecto de Explícoche Matemáticas 2.0 son vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, cunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, vehiculados en galego e utilizando calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.
O prazo para presentar os vídeos está aberto ata o 26 de marzo de 2021. Hai tres premios de 200 euros e un premio do público, de 100 euros.