martes, 1 de decembro de 2020

domingo, 18 de outubro de 2020

Para celebrar o Samaín no IES David Buján o EDLG convoca tres concursos:

  • Concurso de conxuros
  • Concurso de contos 
  • Concurso de talla de cabazas

 Consulta aquí as bases

luns, 12 de outubro de 2020

Samaín 2020. Concurso de conxuros

  


                   
      Se queres gañar, vas ter que rimar


O Equipo de Dinamización da Lingua, en colaboración co  Departamento da Lingua Galega,  convoca  o III CONCURSO DE CONXUROS  para festexar o Samaín.  Tes ata o 1  de novembro.

conxuro é unha invocación, máis ou menos rimada, a poderes de toda índole (físicos, espirituais, morais, políticos, sobrenaturais, ...) para  todo o que desexemos.

 A finalidade deste concurso é  crear conxuros   para afastar  todo aquilo que queiramos  que desapareza das nosas vidas (violencia, maltrato, inxustizas, guerras, prexuízos, a contaminación...). 

Exemplos

Ollos de sapo,
pata de ra,
que caiga a escola
pasadomañá.



Conxuros contra a néboa

Érguete néboa,
puta da serra,
filla dun can
e dunha cadela.
Aí vén san Xoán
co seu burro ruán
ai! que te mata
ai! que te papa
ai! que te leva
  ao fondo do mar
a secar.

Outro  diferente  

Levántate, néboa,
do  mar e da  terra
que aí vén San Martiño
co  seu ramalliño,
chorando e berrando
que te ha  matar,
cortarche a  cabeza
  e tirala ao mar.


 ANÍMATE E FAI OS TEUS CONXUROS!!!

venres, 19 de xuño de 2020

Concursos de fóra do centro

  • II Concurso de podcasts "Radio na biblio", en colaboración coa CRTVG (Radio Galega).
    • Preme
    • Remata prazo 31 de outubro 2020

mércores, 4 de marzo de 2020

PREMIOS: MAIL ART 2020

( autora: Diana Almirón Miragaya)

Aquí temos os premiados nesta edición



NORABOA A TODAS E TODOS

xoves, 6 de febreiro de 2020

24 de febreiro. Día de Rosalía de Castro


Achégase o  Día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, data na que nace a autora. Rosalía de Castro é considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX, e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.

O IES David Buján para celebralo organiza un concurso de tarxetas artísticas, mail art, que despois serán enviadas para difundir esa data por todo o mundo. 

PARTICIPA

mércores, 5 de febreiro de 2020

xoves, 9 de xaneiro de 2020

Na Candeloria casan os paxariños


candeloria é unha palabra que ten a orixe no substantivo latino candela -ae, ‘luz alimentada con cera ou sebo’, termo co que se crea no latín tardío festa candelarum, ‘a festa das candeas’, que chega a nós acurtando a locución. Celébrase o día 2 de febreiro, época importante no ciclo astronómico, pois coincide coa metade do inverno, no intre xusto entre o solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, (pola candeloria, medio inverno vai fóra, di tamén a cultura popular), no momento en que  xa é evidente que medran os días e a natureza comeza a prepararse para  o estourido de vida que está a chegar.
Sendo un intervalo relevante do ciclo estacional non é de estrañar que todas as culturas tivesen celebracións ao redor da data, sempre festexando a volta da luz e do desexo de fertilidade. Así, na mitoloxía celta, chamábanlle Imbolg, celebración na honra da deusa Brigit, protectora das colleitas, o gando e a fecundidade. 
A voda dos paxariños
A partir da candeloria, ningunha ave voa soa,  di o refrán para lembrar que o mes de febreiro comeza, na cultura popular, cunha celebración ben especial, xa que casan os paxariños, ao que comeza o retorno das aves migratorias e os cortexos preludian o renacer primaveral. Da importancia que ten esta representación na imaxinaría tradicional europea dá conta a multitude de estampas nas que, desde tempos inmemoriais, o símbolo do amor e a unión sentimental son apaixonadas parellas de aves xuntando os peteiros. Tal é así que algunhas persoas defenden que, para nós, o 2 de febreiro debe ser a data do amor romántico, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación! (Tirado do Portal das Palabras)  
CHÍOS CON AMOR    
O Equipo de Dinamización da Lingua xunto do Departamento de Lingua Galega  e o Equipo de Convivencia convocan una concurso de mensaxes de amor curtas (menos de 280  caracteres)  que pode ter un destinatario-a folgado (namorado, namorada, pai, nai, amigos, lingua, ...)
Saca a túa personalidade  sentimental e participa!!

martes, 3 de decembro de 2019

Concurso: Felicitacións de nadal


todos os anos o EDLG convocan un concurso de Felicitacións de nadal, tamén para podermos vivir un nadal en galego.

PARTICIPA

luns, 28 de outubro de 2019

Estrela Rosalía


A estrela HD 149143 é unha anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz, na constelación de Ofiúco. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. Para celebrar o centenario da Unión Astronómica Internacional, a entidade puxo en marcha a iniciativa mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. 

Hai uns días a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío iniciou unha campaña para que Rosalía sexa o nome elixido para nomear a estrela correspondente España, e e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. Foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta da entidade inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
A votación pode realizarse a través desta ligazón. Os votos recolleranse ata o día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país. Curiosamente, Rosalía non é a única proposta galega para nomear a estrela HD 149143. Na votación tamén figura Breogán como opción (e Ith  para dar nome ao exoplaneta), proposto polo Observatorio da Universidade Autónoma de Madrid. 
A Agrupación Astronómica Ío difundiu a súa proposta a través das redes sociais, convidando a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, dende esta fin de semana estamos lendo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos. "No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na seúa web.
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.


Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.


Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.


En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.