martes, 12 de setembro de 2023

Manter o galego

por Manuel Bragado no Nós Diario:

 Nos centros educativos participei en conversas en contextos formais, fose en claustros, reunións, cursos ou entrevistas e xuntanzas con familias, nas que algunha das participantes que decote fala galego deixa de repente de facelo cando outra persoa se expresa en castelán. Un comportamento atribuíble a unha mal entendida "cordialidade lingüística" que no contexto das dúas linguas en contacto obrigaría a renunciar sempre ao uso do galego como expresión de achegamento comunicativo coas persoas participantes.


Unha escolla lingüística que, pola contra, non corresponde coas participantes instaladas en castelán, mesmo nos centros educativos públicos comprometidos a utilizar o galego como a súa lingua de instalación, que nalgúns casos poden chegar a solicitar que na súa presenza non se empregue o galego aducindo que «no lo entiendo».

 

Unha asimetría lingüística insoportable, froito do prexuízo de entender aínda o galego como lingua inferior ou reducida ao eido familiar, que debilita o uso normalizado do galego na comunicación habitual da comunidade educativa, como sucede noutros eidos da vida social, como o sanitario, xudicial, administrativo ou comercial, nos que as persoas galegofalantes (e neofalantes) deben enfrontar dificultades semellantes.

 

En Catalunya, onde a pesar das políticas educativas de inmersión das últimas catro décadas, o uso social do catalán era en 2018 do 32% constituíuse a plataforma cidadá 'Mantinc el catalá' coa intención de concienciar e animar ao maior número de persoas da necesidade de manter o emprego do catalán en todos os eidos e circunstancias, "entendendo o catalán como lingua de integración e benvida" e "animando a todas a compartir este hábito lingüístico, en especial na contorna de cadaquén".

 

Actitude corresponsable, empática e integradora que neste comezo de curso sería moi útil tamén en Galicia para promover nos centros educativos hábitos lingüísticos alternativos aos prexuízos que mantivesen (e mesmo incrementasen) o uso do galego.

 


sábado, 9 de setembro de 2023

Usos lingüísticos (Curso 2022-2023)


 Nas seguintes ligazóns podes consultar  o uso da lingua galega no IES David Buján. Estes cuestionarios lingüísticos  foron realizados durante os meses de marzo e abril de 2023.

martes, 20 de setembro de 2022

Usos Lingüísticos. Curso 2021-2022


 Nas seguintes ligazóns podes consultar  o uso da lingua galega no IES David Buján. Estes cuestionarios lingüísticos  foron realizados durante o mes de xuño de 2022.

Alumnado

Profesorado

mércores, 20 de abril de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022


 

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

O autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 é un reflexo da cultura galega no século XX. Militante do Partido Galeguista, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas. Como poeta escribiu entre dous mundos: a súa terra de Valdeorras e o país de acollida, México. (Consello da Cultura Galega)

O  obxectivo desta data é  de dar a coñecer a vida e obra do poeta e poñer en valor o seu legado. 

O seguinte vídeo, elaborado no centro co material do Seminario Galán, fai un percorrido pola vida e obra do autor valdeorrés. 


Deixamos outros recursos sobre o homenaxeado do Seminario Galán

Biografía Florencio Delgado Gurriarán

Cronoloxía Florencio Delgado Gurriarán

Exposición Florencio Delgado Gurriarán

Escolma de textos Florencio Delgado Gurriarán




domingo, 12 de decembro de 2021

Nadal 2021


O EDLG ponlle o ramo a este ano 2021 ( para que non volva) e celebra a chegada do novo ano convidando a celebrar as festas de Nadal en galego.

Faino por medio dunha manchea de concursos, propostas de actividades e recursos para galeguizar estas festas e promover o uso da nosa lingua.

CONCURSO DE FELICITACIÓNS DE NADAL DIXITAIS

 Podes facer a túa felicitación en distintas aplicacións. Unha deles é canva. Segue estes pasos:

1. Vai Canva (https://www.canva.com/)

Podes rexistrarte ou non. Para comenzar escribe postal de nadal (en buscas) e escolle o deseño que mellor se adpate ao que res crear. Fíxate que hai modelos de pago.

2. Personaliza o teu deseño ( texto en lingua galega, cores, imaxes, ...). 

3. Cando o teu deseño estea listo poderás compartilo con quen queiras. Tamén o podes descargar en distintos formatos.

4. Para o concurso descárgao en JPG  e  mándao ao email do EDLG  (edlg@iesdavidbujan.gal) cos teus datos  (nome e curso)  antes do 20 de decembro. 

Os traballos que participen no concurso deben facer referencia a un tema vinculado con estas datas, para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral. Ademais do tema, valorarase o coidado estético e lingüístico das propostas.

PARTICIPA!!

GORENTOSOS PREMIOS

 

PANXOLIÑA: Nadal de Luintra (Berrogüeto e Guadi Galego)

O EDLG convida a  toda a comunidade educativa a cantar todos xuntos esta  marabillosa e  tradicional panxoliña. Todos aqueles que estean interesados  comezan os ensaios o luns, 13, segundo recreo, no salón de actos. Non te esquezas.

Aquí tes mp3 da peza

Aquí tes a letra

 

RECURSOS DIXITAIS

Tamén  vos queremos facilitar algúns recursos dixitais  en lingua galega que poderedes descargar e cos que festexar o Nadal en galego e promover o uso do idioma, nomeadamente entre a xente miúda.

Aquí podes descargar gratuitamente  a "Carta ao Reis Magos"  a "Resposta dos Reis Magos"  o Libro dos Reis Magos, elaboradas pola SXPL, para elaborar de xeito doado as cartas dos máis cativos, así como a resposta para manter viva a ilusión  e dinamizar a nosa lingua propia.

Adhesivos e etiquetas en galego para os teus agasallos. Podes descargalos aquí. 

ETIQUETAS 1     ETIQUETAS 2      ETIQUETAS 3     ETIQUETAS 4      ETIQUETAS 5

ETIQUETAS 6     ETIQUETAS 7      ETIQUETAS 8     ETIQUETAS 9     ETIQUETAS 10

ADHESIVO 1      ADHESIVO 2        ADHESIVO 3       ADHESIVO 4      ADHESIVO 5

ADHESIVO 6      ADHESIVO 7         ADHESIVO 8      ADHESIVO 9

 

martes, 12 de outubro de 2021

Concurso de conxuros

  




                   
      Se queres gañar, vas ter que rimar


O Equipo de Dinamización da Lingua, en colaboración co  Departamento da Lingua Galega,  convoca  o IV CONCURSO DE CONXUROS  para festexar o Samaín.  Tes ata o 1  de novembro.

conxuro é unha invocación, máis ou menos rimada, a poderes de toda índole (físicos, espirituais, morais, políticos, sobrenaturais, ...) para  todo o que desexemos.

 A finalidade deste concurso é  crear conxuros   para afastar  todo aquilo que queiramos  que desapareza das nosas vidas (violencia, maltrato, inxustizas, guerras, prexuízos, a contaminación, a pandemia, ...). 

Exemplos

Ollos de sapo,
pata de ra,
que caiga a escola
pasadomañá.



Conxuros contra a néboa

Érguete néboa,
puta da serra,
filla dun can
e dunha cadela.
Aí vén san Xoán
co seu burro ruán
ai! que te mata
ai! que te papa
ai! que te leva
  ao fondo do mar
a secar.

Outro  diferente  

Levántate, néboa,
do  mar e da  terra
que aí vén San Martiño
co  seu ramalliño,
chorando e berrando
que te ha  matar,
cortarche a  cabeza
  e tirala ao mar.


 ANÍMATE E FAI OS TEUS CONXUROS!!!

mércores, 29 de setembro de 2021

Usos lingüisticos. Curso 2020-2021


 Nos seguintes enlaces podes consultar  o uso da lingua galega no IES David Buján. Estes cuestionarios lingüísticos  foron realizados durante o mes de maio de 2021

domingo, 21 de febreiro de 2021

Explícoche matemáticas 2.0


Explícoche matemáticas 2.0 é un concurso que convoca a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, que xa vai pola súa novena edición, cuxo obxectivo é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais.

Pode participar o alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora.

O obxecto de Explícoche Matemáticas 2.0 son vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, cunha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos, vehiculados en galego e utilizando calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.

O prazo para presentar os vídeos está aberto ata o 26 de marzo de 2021. Hai tres premios de 200 euros e un premio do público, de 100 euros.

CONSULTA AS BASES

Nesta páxina podes ver vídeos das edicións anteriores 

xoves, 28 de xaneiro de 2021

2 febreiro. A Candeloria


 A da Candeloria (a festa das candeas) ten unha orixe pagá que se remonta a tempos anteriores á romanización.  A conmemoración cristiá da Candeloria parece que ten a súa orixe nunha festa romana, a dos "Lupercais", unha procesión de candeas acendidas na noite na que se facían pregarias a Proserpina, a deusa das sementes e da  fertilidade dos eidos. Celebración que os romanos quizais tomaron da "Festa da luz" dos pobos celtas, festexo do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a fertilidade e o espertar do sol. 

 Na cultura popular galega a da Candeloria é "a festa da luz", xa que comezan a medrar os días e a facerse más pequenas as noites, xa falta pouco para  primavera( coincide na metade do inverno, no intre xusto entre os solsticio da estación fría e o equinoccio de primavera, ... Tamén é o momento que volven os paxariños que migraron (e retornan ás súas terras os que aquí pasaron o inverno)  e  se emparellan para facer xuntos o niño. 
 
Como xa pasou con outras festas,  a Igrexa acabou cristianizando a festa. Converteuna no día da Purificación da Virxe. Tamén se bendicen unhas  candeas e se fai una procesión con elas por dentro da igrexa. Despois esas candeas gárdanse para as tormentas,os velorios, ...
 
A sabedoría de refraneiro galego lembra todos estes feitos e moitos outros da época. 
 
REFRÁNS
  • "Cando a Candelaria chora, a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, a mitá do inverno está por vir, e se chora ou fai vento, aínda o inverno está dentro"
  • "Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, metade do inverno está por pasar".
  • "O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra".
  • "Na Candeloria casan os paxariños e marcha a galiñola"
  • "Despois da Candeloria ningunha ave voa soa"
Tamén a literatura galega se fixo eco desta  festa. Luís Amado Carballo, en Proel –1927–, incluíu un poema titulado “A Candeloria”:
Na catedral do abrente
hoxe cásanse os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.
Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de encenso.
O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.
Vai tocando polo campo
a súa zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.
O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dálles a beizón nupcial.
Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrena un luar o campo.
 Por iso é algo moi especial e de moita honra podermos celebrar a festa no amor na Candeloria, no día que casan os paxariños

ACCIÓN
  • No centro tamén queremos celebrar a chegada da primavera. Decoraremos o centro con paxariños de origami. Aprende a facer o teu con este vídeo.
  • CONCURSO: CHÍOS CON AMOR    
    O Equipo de Dinamización da Lingua, xunto do Departamento de Lingua Galega  e o Equipo de Convivencia convocan una concurso de mensaxes de amor curtas (menos de 280  caracteres)  que pode ter un destinatario-a folgado (namorado, namorada, pai, nai, amigos, lingua, ...).
    Saca a túa personalidade  sentimental e participa!!

30 de xaneiro. Recitando Celso Emilio


 Recitando Celso Emilio

Para commemorar o Día Internacional da Paz e da Non Violencia, o EDLG do IES David Buján  propón o recitado colectivo do poema "Irmaus" de Celso Emilio,  unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, cuxa poesía é un  símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.

Aquí tés o poema, no blog Son de poetas, onde podes escoitar unha versión musicada de Fuxan os ventos.

Participa, envía o teu recitado ao correo edlg@iesdavidbujan.gal. Cos recitados recibidos faremos unha montaxe que difundiremos nas rede.

sábado, 19 de decembro de 2020

CONCURSO "TARXETAS DE NADAL DIXITAIS"


Ademais tamén se presentaron ao concurso moitas tarxetas físicas, que están penduradas na cortiza do EDLG.
O centro felicitará  estas festas a toda a comunidade educativa cunha das felicitacións gañadoras  neste concurso.
Parabéns aos gañadores e moitas grazas  a todos por colaborar

mércores, 9 de decembro de 2020

Concurso Tarxetas de Nadal 2020


 Como todos os anos o EDLG convoca un concurso de tarxetas de Nadal. Este ano as postais poden ser dixitais ou físicas. Consulta esta presentación e participa. 

O 17 de decembro remata o prazo!! Haberá gorentosos premios. Podes enviar as túas felicitacións ao correo edlg@iesdavidbujan.gal